A Xunta aproba crear unha unidade de muller e ciencia

10/04/2008
Fonte: 
Galicia Hoxe

Data de publicación noutros medios: 2 Marzo 2007

O Consello da Xunta aprobou onte a creación da Unidade de Muller e Ciencia, un órgano colexiado de asesoramento co que pretende "impulsar a igualdade de xénero" e incrementar a presenza da muller no ámbito científico e tecnolóxico. Na unidade estarán implicadas as Consellerías de Educación e de Innovación, así como a Vicepresidencia da Igualdade e Benestar, e terá como obxectivo a promoción de actuacións dirixidas a eliminar os desequilibrios evidentes de xénero existentes na formación científica de todo o Estado, pero especialmente da comunidade, así como no ámbito da investigación e innovación e no da xestión da I+D+i. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, lembrou que no ámbito científico e tecnolóxico en Galiza as mulleres apenas representan un 14% do total e mostrouse convencido de que a Unidade de Muller e Ciencia contribuirá a "eliminar os evidentes desequilibrios de xénero no campo científico. Entre as funcións do novo organismo está a realización de informes que permitan establecer o estado actual da situación en Galiza e a súa evolución no tempo, "sensibilizando a sociedade sobre a presenza real das mulleres nestes ámbitos e permitindo deseñar accións que contribúan a promover a equidade".