Tarsy Carballas, Medalla Castelao 2009
O Consello da Xunta aprobou na reunión que tivo o pasado 11 de xuño, o decreto polo que se concede a Medalla Castelao 2009, mediante a cal a Administración autonómica pretende destacar a tódalas persoas galegas autoras dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo no eido artístico, literario ou de calquera outra faceta da actividade humana. Deste xeito, o decreto aprobado acorda distinguir á investigadora Tarsy Carballas Fernández; ao doutor e internista Fernando Diz-Lois Martínez; ao médico e etnógrafo Luciano García Alén; ao tradutor Fernando Pérez-Barreiro Nolla e ao investigador, erudito e divulgador da cultura galega Marcos Valcárcel López, coa Medalla Castelao 2009. Tarsy Carballas Fernández A profesora Carballas é un dos exemplos máis salientables dunha carreira profesional vinculada á excelencia na investigación, na cal acadou os postos máis altos na súa especialidade. Doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, é profesora de Investigación no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia e autora de máis de 230 publicacións. Na súa intensa actividade profesional cómpre salientar a súa preocupación por acadar solucións para algúns dos problemas máis importantes da sociedade galega: a predición dos incendios forestais e a rexeneración do solo queimado.
Máis información:
http://www.xunta.es/periodico/110609consello.pdf
Palabras chaves: Medalla, investigación