Eixo Estratéxico de Actuación 1
Ensinar, promover e difundir a situación das mulleres en diferentes ámbitos, así como o interese por estudos realizados e a formación necesaria, para acadar crear referentes e importancia na sociedade de todas elas. Os obxectivos específicos das actuacións son os seguintes:
1. Dar a coñecer a situación das mulleres no ámbito das ciencias e das tecnoloxías en Galicia.
1.1. Difundir e analizar o estudo As mulleres no sistema educativo de Galicia: situación actual.
1.2. Elaborar unha táboa de indicadores de xénero do sistema sociedade-ciencia-tecnoloxía-empresa, tendo en conta as recomendacións ao respecto da Unión Europea (concibida como unha ferramenta para unificar criterios na elaboración de estatísticas e datos con perspectiva de xénero).
1.3. Esixirlles aos organismos públicos competentes que elaboren os datos estatísticos referidos á actividade investigadora, académica, científica e tecnolóxica, utilizando a táboa de indicadores de xénero do sistema sociedade-ciencia-tecnoloxía-empresa.
1.4. Instar o sector privado do sistema de investigación, ciencia e tecnoloxía de Galicia para que inclúan a variable sexo na elaboración dos seus datos e utilizar, na medida do posible, a táboa de indicadores do sistema sociedade-ciencia-tecnoloxía-empresa.
1.5. Proceder á actualización permanente dos datos sobre a situación das mulleres nas ciencias e nas tecnoloxías do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (OCTUGA) e incidir no tratamento sistemático de todos os datos por sexo.
1.6. Deseñar e poñer en marcha campañas de sensibilización para que as publicacións inclúan o nome completo das persoas autoras cara a obter indicadores bibliométricos desagregados por sexo, así como outro tipo de medidas complementarias (ex. identificar mediante un signo o sexo das persoas autoras, sinalar o número de homes e de mulleres autoras etc.).
1.7. Divulgar as políticas galegas, estatais e europeas que promovan a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no sistema de ciencia e tecnoloxía.
2. Promover estudos sobre o sistema de ciencia-tecnoloxía-empresa de Galicia para coñecer en profundidade a situación das mulleres, así como os obstáculos que atopan no desempeño do seu labor profesional como docentes, investigadoras, científicas e tecnólogas, cara ao deseño de novas actuacións.
2.1. Realizar, publicar e difundir un estudo sobre as mulleres na I+D empresarial en Galicia.
2.2. Crear unha liña de publicacións ou colección propia da Unidade de Muller e Ciencia.
2.3. Deseñar e realizar estudos bibliométricos que analicen o impacto e a produtividade das investigadoras a través de publicacións científicas.
2.4. Elaborar un informe da situación en Galicia sobre o tratamento da igualdade nas novas titulacións do Espazo Europeo de Educación Superior ff(EEES).
2.5. Realizar un estudo, cualitativo e cuantitativo, de todas as entidades e organismos que integran o sistema ciencia-tecnoloxía-empresa de Galicia para coñecer a verdadeira situación das mulleres (factores que inciden no abandono da carreira académica e científica, percepción da discriminación/desigualdade, efecto da maternidade/paternidade, promoción a postos directivos, presenza en programas de formación e de consolidación de persoal de investigación...).
2.6. Organización e levar a cabo foros de debate/reflexión sobre a situación das mulleres universitarias, investigadoras e científicas, tanto do ámbito público como privado, coa participación de autoridades e persoal técnico do sistema sociedade-ciencia-tecnoloxía-empresa.
3. Difundir a Unidade de Muller e Ciencia, así como todas as actuacións levadas a cabo e os estudos e documentos elaborados (ademais deste programa) e outros de interese, de maneira que se garanta a maior accesibilidade e coñecemento posible.
3.1. Deseñar e activar a páxina web da Unidade de Muller e Ciencia e garantir a súa actualización permanente tanto no que respecta ás actuacións, ás publicacións e á axenda da propia unidade como doutros organismos e institucións relacionados coas ciencias, as tecnoloxías e o xénero.
3.2. Deseño, elaboración e difusión de material divulgativo da Unidade de Muller e Ciencia.
3.3. Crear ligazóns nas páxinas web dos departamentos administrativos que integran a Unidade de Muller e Ciencia (Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Consellería de Innovación e Industria e Consellería de Educación), así como nas páxinas web das universidades galegas.
3.4. Celebración dunha xornada anual da Unidade de Muller e Ciencia.
3.5. Participación activa da Unidade de Muller e Ciencia en feiras, encontros, foros, xornadas... relacionados coa materia obxecto para a que foi creada.
3.6. Participación da Unidade de Muller e Ciencia nas convocatorias de premios que teñan lugar tanto no ámbito estatal como europeo e relacionados coa ciencia, tecnoloxía, investigación e xénero.
4. Promover unha elección do futuro académico e profesional libre de estereotipos de xénero e destacar a vocación científica e tecnolóxica.
4.1. Realizar un estudo dos factores que determinan a elección formativo-profesional nas diferentes etapas educativas do alumnado e examinar a configuración dos estereotipos sociais e as expectativas profesionais para cada un dos sexos.
4.2. Realizar unha investigación sobre as relacións de xénero que transmiten os materiais didácticos empregados en materias científicas e técnicas.
4.3. Elaborar e difundir unha guía de boas prácticas para a aplicación efectiva da transversalidade de xénero por parte de editoriais responsables da elaboración dos materiais curriculares de carácter científico e técnico.
4.4. Promover entre o tecido empresarial con actividade en I+D, como unha actuación de Responsabilidade Social, a sinatura de convenios con centros educativos e con universidades para a posta en marcha de actividades dirixidas a fomentar a participación das mozas nas ciencias e nas tecnoloxías.
4.5. Promover a inclusión de contidos específicos dirixidos a proxectar unha imaxe non estereotipada da elección formativa nos foros de orientación dos diferentes niveis educativos e poñer en valor o labor científico e investigador, así como as achegas e o éxito académico das mulleres.
4.6. Deseñar e levar a cabo actividades formativo-sensibilizadoras para fomentar a diversificación na elección académico-profesional do alumnado.
4.7. Deseño, elaboración e edición dunha revista periódica para fomentar a carreira investigadora e científica como unha opción máis de futuro libre de estereotipos de xénero.
4.8. Promover a adaptación da convocatoria do Premio Galicia Innovación Junior considerando a igualdade de xénero (segundo os obxectivos que persegue o PGMC).
5. Promover a imaxe das mulleres como científicas e tecnólogas na sociedade galega para que se dispoña de referentes femininos, ao tempo que se destaca a importancia da ciencia na sociedade actual.
5.1. Consolidación do Premio María Josefa Wonenburguer Planells coa creación, se é o caso, de diferentes categorías.
5.2. Deseño, elaboración e difusión dun directorio de investigadoras no sistema galego de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación.
5.3. Deseñar, realizar e difundir un estudo histórico para identificar e recoller as contribucións realizadas polas mulleres en Galicia á ciencia e á tecnoloxía.
5.4. Incluír, cando proceda, epígrafes específicas sobre ciencia e tecnoloxía nos programas de intervención do Departamento de Igualdade da Xunta de Galicia dirixidos ás mulleres galegas.
5.5. Realizar cursos de formación en xénero e ciencia.
5.6. Deseño e posta en marcha dunha biblioteca virtual Mulleres, Ciencia e Tecnoloxía (catálogo bibliográfico de mulleres científicas, identificación e difusión de recursos na rede na área de mulleres e ciencias en colaboración con bibliotecas, novidades bibliográficas en colaboración con editoriais e librerías...).
5.7. Deseñar e poñer en marcha actividades de comunicación e de sensibilización para visualizar a contribución das mulleres científicas e tecnólogas á ciencia e ao desenvolvemento tecnolóxico.
5.8. Promover espazos sobre xénero, ciencia e tecnoloxía en medios de comunicación galegos.