Zeitauffassung und Figurenidentität im Daniel von dem blühenden Tal und Gauriel von Muntabel.

Título: Zeitauffassung und Figurenidentität im Daniel von dem blühenden Tal und Gauriel von Muntabel.

Autor/a: Almudena Otero Villena

Centro de lectura: Facultade de FILOLOXÍA

Data Lectura: 29 Set 2005

Departamento: Depto. de FILOLOXÍA ALEMANA

A principal tese do traballo é que a representación da identidade dun personaxe literario está vencellada á concepción temporal dun texto e tanto un coma o outro elemento se poden definir en relación coa constitución ficcional da obra. Isto ten como consecuencia que as concepcións do tempo e da identidade en textos literarios sexan múltiples e non reflictan necesariamente esquemas existentes na realidade. Tomando esta idea como base, no traballo preséntanse tres diferentes modelos identidade-tempo que aparecen en tres novelas medievais alemanas: o Iwein de Hartmann von Aue, Daniel von dem Blühenden Tal de Der Stricker e Gauriel von Muntabel de Konrad von Stoffeln. A elección destes tres textos non é casual: nas dúas últimas obras citadas atópanse numerosos episodios e motivos que proceden do Iwein. Entre eles ten unha especial relevancia o motivo da presión temporal. Estes elementos procedentes do texto de Hartmann experimentan, con todo, cambios no Gauriel e no Daniel e, ó mesmo tempo, aparecen misturados con motivos procedentes doutros xéneros literarios (no Daniel do xénero da chanson de geste, no Gauriel do tipo narrativo denominado historia de amor cunha fada. En consecuencia, a representación da identidade e do tempo experimenta en ámbalas dúas obras cambios en relación coa novela de Hartmann. Estes cambios amósanse por medio da denominada concepción binaria do texto: tanto no Daniel coma no Gauriel aparecen elementos narrativos que é posible ordenar en parellas de contrarios e que definen a relación entre o heroe e a sociedade e, por tanto, a base da identidade do primeiro. Os diferentes episodios das novelas poden ordenarse en función da súa pertenza a un ou outro polo de cada unha das oposicións. Estes pares de contrarios atópanse ademais nunha orde progresiva, é decir, o primeiro punto determina o seguinte e así sucesivamente. A través da análise das tres obras demóstrase a existencia nelas de diferentes modelos identidade-tempo cun carácter claramente ficcional. No Iwein atópase un tempo lineal ó longo do que a identidade do heroe evoluciona. Na novela de Der Stricker a diferencia entre o heroe e a sociedade determina a aparición dunha identidade baseada nun tempo obxectivo influído pola súa subxectividade, que se diferencia do tempo da sociedade. No Gauriel o tempo atópase vencellado ó espacio e non ten, por tanto, a súa orixe na interioridade do heroe. A identidade de Gauriel aparece coma algo externo, que non evoluciona ó longo do tempo.

Director/a: Victor Millet Schöder e Matthias Meyer

Áreas: Humanidades,Universidade de Santiago de Compostela