A xornada escolar na vida cotiá na infancia. Análise da incidencia das modalidades de sesión "partida única" nos procesos de...

Título: A xornada escolar na vida cotiá na infancia. Análise da incidencia das modalidades de sesión "partida única" nos procesos de socialización infantil en Galicia

Autor/a: María del Carmen Morán de Castro

Centro de lectura: Facultade de CIENCIAS DA EDUCACIÓN

Data Lectura: 25 Nov 2005

Departamento: Depto. de TEORÍA, HISTORIA DA EDUCACIÓN E PEDAGOXÍA SOCIAL

A tese analiza a incidencia da organización do tempo no desenvolvemento da vida cotiá da infancia nos seus contextos familiar/extrafamiliar e escolar. En función da modalidade de xornada lectiva estúdase como se planifica, administra e xestiona o tempo; como se percibe o seu transcorrer e como se valora a calidade da súa dispoñibilidade e uso. O deseño do estudo contempla as variables de modalidade de xornada lectiva (única-partida), o contexto de situación do centro educativo (urbano, vilego, rural) e a evolución dos aspectos analizados en dous cortes temporais 1995-2002. Os obxectivos da investigación son: - analizar os factores subxacentes ao proceso de socialización infantil e á súa concreción na vida cotiá das nenas e nenos; - describir, interpretar e valorar o estado de cuestión do debate sobre a xornada escolar, fundamentalmente en canto a argumentacións que inciden nos procesos de socialización da infancia; - realizar unha análise comparativa da incidencia das modalidades de xornada de sesión única e partida nos procesos de socialización infantil. A perspectiva teórica constrúese en función de dous núcleos temáticos: - os procesos de socialización infantil considerando características, etapas e axentes; o descanso, a alimentación e o tempo de libre disposición como aspectos contravertidos na socialización da infancia que teñen gran relevancia no debate das xornadas escolares; - os tempos escolares no conxunto dos tempos educativos e sociais, focalizando a atención na controversia sobre a xornada lectiva. A investigación empírica enmárcase nun proceder cuantitativo con finalidade descritiva e comparativa, pero tamén analítica e interpretativa. Emprégase como instrumento de recollida de información un cuestionario (replicación do aplicado en 1995) de 91 ítems ordenados en 13 bloques temáticos que buscan captar o acontecer diario na vida dunha nena/o desde primeira hora da mañá ata o momento de se deitar. Aplicouse a unha mostra de 884 alumnos de 4º e 6º de Educación Primaria -475 de sesión única e 409 de sesión partida- de 21 centros galegos, entre marzo e maio de 2002. Para a análise dos datos empregouse a proba non paramétrica de inferencia estatística X². Ofrécense os resultados organizados en tres apartados relativos á "organización e uso do tempo na vida cotiá da infancia", a "organización e emprego do tempo na vida escolar e o "ritmo e presión do tempo no acontecer diario". Tamén se incorporan dous "cronogramas" que resumen un día tipo da vida dunha nena/o: o primeiro en dous cortes temporais 1995/2002, o segundo en 2002 segundo dúas modalidades de xornada lectiva: única/partida. As conclusións, ademais dunha visión global da relación entre organización do tempo e procesos de socialización, ofrecen unha serie de pautas e recomendacións para a reorientación da xestión do tempo escolar en función dos tempos sociais da infancia.

Director/a: José Caride Gómez

Áreas: Ciencias Sociais,Universidade de Santiago de Compostela