E. Montero Ríos e Cidade de Santiago

Título: E. Montero Ríos e Cidade de Santiago

Autor/a: Margarita Barral García

Centro de lectura: Facultade de XEOGRAFÍA E HISTORIA

Data Lectura: 4 Feb 2005

Departamento: Depto. de HISTORIA CONTEMPORÁNEA E DE AMÉRICA

Estudio da figura do xurisconsulto galego E. Montero Ríos e a relación que mantivo como “protector” da sua cidade natal, Santiago de Compostela, durante a segunda metade do século XIX e primeiros anos do XX. O estudio inicia cunha presentación das políticas clientelares que se estaban a desenvolver na Europa do último cuarto do século XIX, caso do ‘opportunisme’ francés, o ‘trasformismo’ italiano e o ‘caciquismo’ español (capítulo 1). A continuación preséntase a rexión de Galicia dentro deste ambiente de dominio de élites e notables a nivel local (capítulo 2) e a continuación xa se pasa a tratar a figura do xurisconsulto galego Montero Ríos dende os seus inicios como estudiante de Dereito na Universidade de Santiago e de doutoramento na Universidade Central de Madrid (capítulo 3) e a sua eclosión no mundo político do goberno central de Madrid durante o Sexenio (capítulo 4), converténdose no político do Dereito a partir da promulgación de leis moi significativas para a época durante o seu paso pola Carteira de Gracia e Xustiza: lei de Rexistro civil, lei de Matrimonio civil ou o Código Penal, entre outras iniciativas. Destacou tamén Montero neste tempo pola sua aportación na defensa da liberdade de culto no texto da Constitución de 1869. Os capítulos 5 e 6 xa se centran na etapa da Restauración borbónica e estúdiase a evolución do xurisconsulto ata chegar a se converter nun dos ‘primates’ do caciquismo que axudou a desenvolver o sistema turnista da época, ademáis de acadar a xefatura dos liberais e a presidencia do goberno en 1905. A ‘plataforma política’ monterista desenvolta na cidade e distrito de Santiago presentámola a partir do estudio da polítca municial entre 1877 e 1905 (capítulo 7) e do goberno da Universidade (capítulo 8), extendendo a sua tupida rede clientelar tanto entre os representantes do sillón reitoral como nos da representación senatorial que lle correspondía na Cámara Alta á institución académica. Montero teceu unha tupida rede de influencia entre os ‘grandes electores’, notables da cidade que contaban con poder, a élite ‘burguesa’ e culta da cidade. Apoiándose ademáis nun forte nepotismo, contou co apoio de tódolos seus fillos e xenros, ademáis do dos ‘amigos políticos’, que fixeron da cidade o seu ‘feudo caciquil’ ata 1914, ano do seu pasamento. Esta “protección” cara Compostela levouno á promoción de obras civís de relevancia para a época e que viñeron a supor ademáis dunha ‘monumentalización’ da cidade, unha recuperación económica da mesma tras un século XIX de ostracismo e estancamento. Destas obras que “promocionou” o xurisconsulto con cartos acadados do Goberno central de Madrid, analízanse nesta traballo cinco delas, as máis representativas pola sua envergadura e significado no futuro desenvolvemento económico e actividade académica da cidade: a reforma do Edificio da Universidade, a Escola de Veterinaria, o Colexio de Xordomudos e Cegos e a Facultade de Medicina (capítulo 8) e a Exposición Rexional Galega de 1909 (capítulo 9). No capítulo 10 péchase o estudio da figura de Montero analizando os derradeiros anos de actividade política do biografiado, a sua dimisión como presidente do Senado en 1913 por oporse á Mancomunidade catalana e logo xa o seu pasamento en 1914, intre onde se inicia o antimonterismo en Compostela e ao mesmo tempo a perpetuación da memoria de Montero a través da inauguración dun monumento á sua honra en 1916. A investigación remata cunha enumeración de conclusións onde se presenta a cidade de Santiago coma unha cidade dominada por unha ‘plataforma política’ adscrita ao partido liberal, a monterista, cun leader ou cacique que encabezaba a rede de amigos e clientela que se dicían desta condición, e que polo mesmo veu a ser un exemplo máis do clientelismo político e de perpetuación dun ‘feudo caciquil’ que se desenvolveu independentemente do turno pacífico na xeografía española durante a Restauración. Ao mesmo tempo o caciquismo veu a ser a variante española do clientelismo político que se estaba a desenvolver en Europa sur-occidental durante a transición do século XIX ao XX e como transición entre a caída definitiva do sistema liberal e o nacemento da sociedade de masas e das democracias. Inclúese ao final uns anexos que recollen fotografías, mapas e documentación de arquivos citados ao longo do traballo.

Director/a: Ramón Villares Paz

Áreas: Humanidades,Universidade de Santiago de Compostela