Caracterización del patógeno emergente en acuicultura marina Pseudomonas anguilliseptica

Título: Caracterización del patógeno emergente en acuicultura marina Pseudomonas anguilliseptica

Autor/a: Sonia López Romalde

Centro de lectura: Facultade de BIOLOXÍA

Data Lectura: 15 Xul 2005

Departamento: Depto. de MICROBIOLOXÍA E PARASITOLOXÍA

A pseudomonadiase producida por Pseudomonas anguilliséptica está considerada como unha das principais enfermidades emerxentes para o cultivo de peixes mariños. Aínda que esta bacteria se coñecía de antigo por causar septicemia hemorráxica en anguía, non é ata 1997 cando se demostra que P. anguilliseptica é o axente causal da patoloxía coñecida como "winter disease" ou enfermidade de inverno da dourada. Máis recentemente describiuse en rodaballo, tanto en Francia como en España, e en ollomol cultivado en España. A caracterización bioquímica e fisiolóxica das estirpes de P. anguilliseptica asociadas a mortalidades de dourada, rodaballo e ollomol en distintas áreas xeográficas españolas demostrou que os illados incluídos no estudo presentaron unha gran homoxeneidade e que as poucas diferenzas observadas non puideron relacionarse coa orixe dos illados. Os estudos serolóxicos realizados mediante as técnicas de aglutinación, microaglutinación e "dot-blot", mostraron a existencia de dous grupos antixénicos distintos dentro dos illados de P. anguilliseptica. A análise do patrón de lipopolisacáridos e proteínas da envolta celular demostrou que os ditos grupos debíanse a diferenzas no antíxeno somático (antíxeno O termoestable) e, en segundo isto, propúxose un esquema de serotipado con dous serotipos O. Estes serotipos teñen utilidade potencial para estudos epidemiolóxicos. O estudo de caracterización xenética dos illados de P. anguilliseptica mediante técnicas baseadas na PCR (RAPD, ERIC-PCR e REP-PCR) revelou a existencia de variabilidade xenética intraespecífica, permitindo o establecemento de tres grupos xenéticos. Estes resultados son de gran importancia nos estudos epidemiolóxicos xa que as estirpes dos distintos grupos poden relacionarse con diferentes hospedeiros.As estirpes de P. anguilliseptica que foron virulentas no ensaio realizado en rodaballo non presentaron especificidade de hospedeiro. A análise dos factores de virulencia mostrou que unicamente a presenza de cápsula e a capacidade de hemaglutinación puideron relacionarse coa virulencia. Ademais, no estudo dos ECP extraídos das estirpes de P. anguilliseptica non se observaron actividades encimáticas nin citotóxicas que puideran relacionarse coa virulencia deste microorganismo. Por outra banda, ningún dos ECP foi tóxico para alevíns de rodaballo.A identificación de P. anguilliseptica mediante técnicas convencionais é difícil debido ao seu lento crecemento e baixa reactividade na maioría das probas bioquímicas empregadas na identificación bacteriana. Por iso era necesario o desenvolvemento de métodos de PCR rápidos e específicos para a detección e identificación deste patóxeno. Tanto o protocolo de PCR convencional como o de PCR en tempo real desenvolvidos neste traballo mostraron unha gran especificidade e sensibilidade, demostrándose a súa aplicabilidade a tecidos de peixes obtidos ben de casos sintomáticos de enfermidade como de mostraxes de rutina de peixes asintomáticos. Por tanto, poden ser de gran utilidade para a diagnose da pseudomonadiase de peixes. O presente traballo tivo ademais como obxectivo o desenvolvemento dun protocolo de vacinación contra a pseudomonadiase causada por P. anguilliseptica. A formulación vacinal, incluíndo representantes dos dous serotipos do patóxeno, foi altamente efectiva na súa forma acuosa cando a inmunización se levou a cabo por vía intraperitonal. A incorporación do adxuvante oleoso AQUAMUM parece aumentar a duración da inmunidade, e permitiu a protección de exemplares de dourada, con valores de RPS superiores ao 95%, durante toda a tempada de inverno en condicións de planta de cultivo.

Director/a: Jesús López Romalde, Alicia Estévez Toranzo e Juan José Borrego García

Áreas: Ciencias da Saúde,Universidade de Santiago de Compostela