Atención sostenida a objetivos en movimiento

Título: Atención sostenida a objetivos en movimiento

Autor/a: Luz Isabel Leirós Lobeiras

Centro de lectura: Facultade de PSICOLOXÍA

Data Lectura: 16 Dec 2005

Departamento: *Depto. de PSICOLOXÍA SOCIAL E BÁSICA

A evidencia experimental apoia a existencia de dous modos de selección atencional, dependendo do tipo de representación sobre a que opera: espacial (Cave e Bichot, 1999) e baseada en obxectos (Scholl, 2001). A atención espacial (AE) amplifica os estímulos situados en rexións da escena visual previamente seleccionadas, diminuíndo a súa resolución dende o centro cara ó contorno das mesmas (Downing e Pinker, 1985; Eriksen e St.James, 1986; Posner, Synder e Davidson, 1980). A atención baseada en obxectos (ABO) selecciona obxectos ou grupos perceptivos, que resultan de aplicar leis xeltálticas de segmentación e organización, independentemente do espazo no que se atopan (Duncan, 1984; Egly, Driver e Rafal, 1994; Neisser e Becklen, 1975; O’Craven, Downing e Kanwisher, 1999). Nesta tese investigamos a atención a estímulos en movemento. Deste xeito tentamos separar os efectos de factores relacionados co espazo, daqueles relacionados con características non-espaciais do obxecto (p.e. a cor). O problema formulado é se o seguemento atencional (sen movementos oculares) de obxectos dinámicos é de natureza espacial ou está baseado en representacións de obxecto.Nos experimentos realizados empregamos unha tarefa baseada no procedemento de seguemento de obxectos múltiples (MOT, polas súas siglas en inglés; Pylyshyn e Storm, 1988). Na nosa tarefa, o observador tiña que atender a un grupo de oito círculos de diferentes cores, que se movían de xeito continuo e impredecible durante 20 minutos. Un número variable deles, en función do experimento e/ou do grupo experimental ó que era asignado o observador, aparecía na mesma cor (vermello) e o resto en cores diferentes. A intervalos irregulares, presentábase un estímulo obxectivo (unha liña inclinada) no interior de calquera dos círculos. A tarefa do observador era indicar a orientación dese estímulo. Para manipular a atención, informábase ós observadores da probabilidade de presentación do estímulo obxectivo dentro de cada obxecto, que variaba en función da cor dos mesmos: esa probabilidade sempre era maior dentro dos círculos vermellos (obxectos relevantes) que de calquera dos outros círculos (obxectos irrelevantes). Esperábase que a distribución da atención se partise cara ás localizacións e/ou obxectos onde a probabilidade de presentación do estímulo obxectivo fora máis alta. Os resultados desta tese pódense resumir en tres puntos: 1. Nos dous primeiros experimentos manipulamos o número de obxectos en movemento que tiñan que atenderse. Os datos obtidos suxiren que, cando a tarefa esixe respostar as características non espaciais (p.e. a orientación) de obxectos dinámicos, só podemos seleccionar un deles, como ocorre cando traballamos con obxectos estáticos (Duncan, 1984). 2. Nos experimentos 3 e 4 manipulamos factores espaciais e de agrupamento entre os obxectos relevantes. Os resultados mostraron que, cando seleccionamos un obxecto tamén seleccionamos a súa posición, o cal permite que poidamos atender a máis dun obxecto en movemento sempre que poidamos agrupalos perceptivamente (p.e. nun polígono virtual). Polo tanto, o rendemento en tarefas de seguemento atencional de obxectos dinámicos está modulado tanto por factores espaciais como por factores de obxecto. 3. Nos catro experimentos estudamos a posibilidade de que a atención sostida a obxectos empeorara co paso do tempo. Con todo, non observamos cambios importantes no rendemento ó longo da tarefa. Pensamos que os nosos datos apoian a idea de que a AE e a ABO traballan dun xeito integrado dentro do sistema visual. É posible que a AE inflúa sobre o procesamento visual, mellorando a discriminación dos estímulos presentados en posicións atendidas, mentras que a ABO afecta á organización do campo visual, guiando ou axudando á AE a distribuirse sobre as rexións ocupadas por obxectos atendidos (Hamker, 2004; Moore e Egeth, 1998; Motter, 1994).

Director/a: Manuel Blanco Rial

Áreas: Ciencias Sociais,Universidade de Santiago de Compostela