Aproximación a los valores y estilos de vida de ninos/as de 9 y 10 años de la Provincia de A Coruña

Título: Aproximación a los valores y estilos de vida de ninos/as de 9 y 10 años de la Provincia de A Coruña

Autor/a: Manuel Soutullo Couto

Centro de lectura: Facultade de PSICOLOXÍA

Data Lectura: 5 Set 2006

Departamento: Depto. de PSICOLOXÍA EVOLUTIVA E DA EDUCACIÓN

Esta tese presenta os resultados obtidos nun estudio realizado cunha mostra de 629 nenos/as de terceiro e cuarto de Primaria de oito colexios públicos e concertados da provincia de A Coruña, trala aplicación dun cuestionario de valores e estilos de vida. A continuación ofrécese un resumo de ditos resultados: A pesar de que a familia actual perdeu potencialidade socializadora, continúa sendo a institución máis valorada polos nenos/as. Case a metade deles/as considéraa o lugar onde se din “as cousas máis importantes da vida”, moi por diante de calquera outro. En xeral, existen boas relacións interxeneracionais dentro da familia, pero os nenos/as non deixan de insistir na necesidade dunha maior adicación por parte dos pais e nais, porque estes non poden prestarlles a atención necesaria, probablemente por excesivas obrigacións laborais que afectan a ámbolos dous cónxuxes (actualmente o 70,9% das nais xa teñen unha ocupación laboral e os pais varóns apenas sofren desemprego), entre outras cuestións. O xogo compartido con outros nenos/as e a amizade xerada mediante as interaccións teñen unha crecente significación a estas idades, por iso o grupo de amigos é o contorno máis valorado despois da familia. Tres de cada catro nenos/as prefiren xogar cos seus amigos/as antes antes aínda que ver o programa favorito de televisión. Pero todo apunta a que carecen de suficientes oportunidades de xogo socializado. Falta espacio adecuado, sobre todo nas cidades, e tempo para compartilo. Só un 30% dos nenos/as poden xogar diariamente fóra da casa. O colexio, ademáis dun lugar de estudo e traballo, bastante ben valorado polos nenos/as, no que din sentirse tan a gusto como na casa, constitúe hoxe en día o espazo privilexiado para o seu encontro. Ata un 54% aproveita para xogar diariamente no patio do colexio despois da xornada escolar. Pero non deixa de ser un espazo e un tempo limitados e restrinxidos ós días de clase. O ocio que actualmente disfrutan os nenos/as non é libre nin voluntariamente elixido, senón imposto polas circunstancias en que viven. O ocio dixital, proporcionado pola televisión e os videoxogos –de ordenador e videoconsola-, convertiuse na gran alternativa que exerce unha forte –e moitas veces desleal- competencia fronte os tradicionais (familia e escola), seguramente transmitindo unha escala de valores e uns estilos de vida contradictorios. Constitúe a solución ó aburrimento, pero non está exento de grandes riscos, se non se exerce un mínimo control. Este ocio dixital gañou definitivamente a batalla ás actividades culturais (lectura, escritura, debuxo, música). Un 31,4% do alumnado afirma consumir máis de 3 horas de televisión diarias, case a mesma proporción dos que dispoñen de televisor no seu cuarto. Máis da metade dos varóns e unha cuarta parte das nenas xogan coa videoconsola coa máxima frecuencia diaria. O máis grave é que os contidos que os nenos/as reciben a través destes medios adoitan ser os mesmos que van dirixidos ós adultos. A aplicación de diferentes técnicas estatísticas ós datos permitiu obter 4 tipoloxías ou conglomerados de nenos/as. Algo máis do 50% do total de nenos/as, en dúas tipoloxías, acapara a maior parte das virtudes ou valores positivos desexables: os “deportistas” -20,6%- (amantes do deporte, bos alumnos/as, independentes e atraídos polas novas tecnoloxías) e os “aplicados” -30,3%- (bos alumnos/as, xenerosos/as, anque ostentosos e presumidos). O grupo maioritario (34,9%), os “preocupados”, son nenos/as fieis ós proxenitores, preocupados polo que lles poida ocurrir a eles/as e ós seus, pero con importantes tendencias materialistas e egoístas. O último e minoritario grupo (13,9%), os “materialistas”, representa o materialismo (forza, agresividade, egoísmo) e o gusto polas tecnoloxías, con tendencia a unha elevada autoavaliación pero a un baixo rendemento académico; o seu nivel socioeconómico tamén adoita ser baixo. En relación coa familia, recoméndase planificar o tempo de ocio con actividades variadas que sirvan de alternativa á televisión e ós videoxogos, priorizando sempre o xogo con outros nenos/as. Os pais e nais deben servir de mediadores ante los contidos visualizados co fin de axudar a realizar unha reflexión crítica e enseñar a autolimitarse a través dun consumo moderado e responsable. Na escola faise imperativo proporcionar experiencias de interacción entre os nenos/as, utilizando o diálogo como instrumento ideal para o desenvolvemento de valores. Tamén é necesario asumir a función de “alfabetizar” en medios audiovisuais, a través dunha análise crítica da programación, a publicidade e os videoxogos. Non cabe dúbida que este obxectivo require unha formación adecuada do profesorado. Respecto ó ocio dixital, necesítase unha programación infantil diferenciada e de cualidade, regulada e supervisada polas institucións, así como unha producción de videoxogos específica para os nenos e nenas. É desexable unha responsabilidade compartida por tódolos axentes de socialización, especialmente a familia e o colexio, co fin de transformar os grandes riscos que presenta o ocio dixital nunha importante riqueza que, sen dúbida, tamén pode aportar.

Director/a: Agustín Dosil Maceira e Olga Díaz Fernández

Áreas: Ciencias Sociais,Universidade de Santiago de Compostela