Alternativas al uso de prebióticos en terneros de cebo

Título: Alternativas al uso de prebióticos en terneros de cebo

Autor/a: Victor Pereira Lestayo

Centro de lectura: Facultade de VETERINARIA

Data Lectura: 3 Out 2006

Departamento: Depto. de PATOLOXÍA ANIMAL

A necesidade de mellorar as produccións e de previr diversas enfermidades levou os nutricionistas a incorporar aditivos zootécnicos, como a monensina, ó penso dos animais de cebadeiro. Nembargante, a entrada en vigor da normativa comunitaria, que prohibe o uso deste antibiótico desde principios deste ano, obrigou a atopar alternativas fiábeis ó seu uso como pode ser o ácido orgánico málico. As máis recentes investigacións apoian os estudos in vitro, nos que se observou que o malato estimula o crecemento da Selenomonas ruminantium, unha bacteria Gram-negativa que supón un 51% da poboación bacteriana ruminal de becerros alimentados con dietas ricas en grao. Nembargante, os estudos laboratoriais se ben permitiron profundar nos mecanismos de acción deste ácido e a súa relación con S. ruminantium tamén teñen a particularidade de terse realizados en condicións lonxanas a realidade gandeira, polo que foi necesario analizar os efectos que o ácido tiña in vivo. A maiores, quedaban por resolver moitas preguntas neste sentido, a maioría referidas a cal sería a estratexia nutricional máis apropiada para alcanzar o máximo rendemento empregando este aditivo. A presente Tese Doutoral consta de tres deseños experimentais, a partires dos cales tratamos de coñecer un pouco máis acerca do funcionamento deste ácido orgánico e non exclusivamente facendo fincapé en parámetros produtivos, senón analizando diferentes aspectos do metabolismo interno dos becerros (concretamente sobre o equilibrio ácido-base, o equilibrio hidroelectrolítico, o metabolismo enerxético e o L-lactato). Mediante estes experimentos pretendemos non so asegurar que as diferentes formulacións químicas do ácido málico son unha alternativa produtiva válida, senón que tamén é fiábel e segura dende o punto de vista metabólico. Para elo desenrolamos diferentes estratexias nutricionais que nos permitirán coñecer baixo que condicións dietéticas é máis efectivo. Os tres deseños experimentais foron realizados nunha granxa comercial que pertence á empresa COREN; S.C.L. situada na provincia de Ourense. Independentemente do obxectivo de cada deseño, considerouse en todos o estudo da eficacia do ácido orgánico durante todo o ciclo produtivo dos becerros de engorde (crecemento e rematado). Nun primeiro experimento comparamos a resposta dos dous promotores, monensina e malato, baixo as mesmas condicións nutricionais (racións ricas en grao e con baixa porcentaxe de FB) co galo de coñecer se o malato é unha alternativa de futuro válida. O segundo experimento centrouse na posibilidade de empregar o malato sódico coma unha alternativa á monensina na produción de becerros de cebadeiro e a necesidade de coñecer baixo que condicións nutricionais é máis eficaz. Concretamente, con este experimento tratamos de coñecer en detalle o funcionamento do malato como aditivo nas dietas ricas en grao e cun gran aporte de FB. Por ultimo, o terceiro experimento tivo como obxectivo principal o avaliar os efectos de dúas formas químicas do malato (o ácido málico e unha sal comercial de malato) no equilibrio ácido-base, hidroelectrolítico, enerxético e os parámetros produtivos en becerros mantidos en sistemas de cebadeiro comercial, tendo en conta todo o ciclo produtivo (é dicir as fases de crecemento e rematado). A realización da presente Tese Doutoral permítenos concluír que o ácido orgánico málico, en calquera das súas formulacións químicas, é unha alternativa válida á monensina sódica dende o punto de vista produtivo. Aínda que, trala análise do medio interno do animal a utilización da forma sal de malato parece ser moito máis segura que a ácida sobre a saúde dos animais. De todas formas cremos que é necesario realizar futuras investigacións ante a preocupación que supón a tendencia á alcalemia atopada constantemente en todos os experimentos realizados.

Director/a: José Luis Benedito Castellote, Cristina Castillo Rodríguez e Joaquín Hernández Bermúdez

Áreas: Ciencias da Saúde,Universidade de Santiago de Compostela