Alteraciones inmunológicas asociadas al consumo de alcohol: aumento de los niveles de inmunoglobulina-E sérica y su relación...

Título: Alteraciones inmunológicas asociadas al consumo de alcohol: aumento de los niveles de inmunoglobulina-E sérica y su relación con la producción de citoquinas

Autor/a: María Jesús Domínguez Santalla

Centro de lectura: Facultade de MEDICINA E ODONTOLOXÍA

Data Lectura: 14 Out 2005

Departamento: Depto. de MEDICINA

Esta tese realizada nun esquema similar ao utilizado noutras universidades europeas, organízase en cinco traballos independentes, realizados de forma consecutiva co nexo común da liña de investigación que dá título á tese. Realízase unha introdución común e un enfoque xeral dos obxectivos. A continuación, cada un dos cinco traballos preséntase de forma separada, cun resumo e unha pequena introdución concreta, seguida dos métodos, resultados e discusión de cada estudo. Ao final dos cinco traballos engadiuse unha discusión breve común en forma de conclusións comentadas, que inclúe unha valoración xeral da validez destes estudos. Dentro do marco xeral que dá título á tese os obxectivos concretos destes estudos foron: 1. Comprobar a frecuencia e grao de elevación da IgE sérica total en bebedores excesivos. 2. Investigar a posible asociación entre consumo regular de alcohol (incluíndo niveis de consumo non excesivo) e as concentracións de IgE sérica total nunha consulta de Alerxia, o lugar onde esta determinación é unha ferramenta de diagnóstico rutinaria. 3. Investigar a posible asociación entre consumo regular de alcohol e os niveis de IgE sérica específica fronte a neumolaerxenosen suxeito atópicos, no mesmo contexto que no caso anterior. 4. Investigar as posibles alteracións no balance de citoquinas en relación ao consumo de alcohol, incluíndo: • Produción in vitro de citoquinas Th1 e Th2 por linfocitos do sangue periférico estimulados. •Niveis séricos de sCD30, como marcador de respostas Th2. • Niveis séricos de citoquinas e a súa variación coa abstinencia de alcohol en bebedores excesivos e coa inxesta de alcohol en suxeitos sans. •Relación dos niveis séricos e da produción in vitro de citoquinas con determinados polimorfismos xenéticos. 5. Investigar a posible asociación entre as anteriores alteracións no balance de citoquinas (sobre todo as referidas ao balance Th1/Th2) cos niveis de IgE sérica total en alcohólicos. As conclusións foron: 1. Confírmase que os pacientes alcohólicos presentan, con elevada frecuencia, niveis altos de IgE sérica total. A elevación de IgE en alcohólicos é independente da enfermidade hepática, así como doutros posibles factores de confusión como idade, sexo, atopía, hábito de fumar, malnutrición ou infestación por helmintos. 2. Os consumidores regulares de alcohol por en riba de 70 gramos por semana presentan niveis elevados de IgE sérica total en relación aos suxeitos abstemios. Esta elevación de IgE sérica total obsérvase tanto en suxeitos atópicos como en suxeitos non atópicos. 3. Dentro dos suxeito atópicos, os consumidores regulares de alcohol presentan niveis elevados de IgE específica fronte a determinados antíxenos en relación ós suxeito abstemios. 4. Os pacientes alcohólicos presentan múltiples alteracións nas citoquinas circulantes, que inclúen niveis elevados de IL-6, IL-8, IL-10, IL-12 e TNF-alfa. 5. Os niveis de TNF-alfa sérico obsérvanse de modo particular entre os pacientes alcohólicos con determinado polimorfismo no xene de TNF(-857/C?T). 6. Os niveis séricos de IL-6, IL-8 e IL-10 en pacientes alcohólicos descenden de forma significativa tras poucos días de abstinencia de alcohol. 7. Os niveis séricos de IL-8 aumentan de forma significativa ás poucas horas da inxesta aguda de alcohol en suxeitos sans (non bebedores habituais). 8. Os pacientes alcohólicos presentan unha baixa produción (respecto a controis) de IL-4 por células mononucleares de sangue periférico estimuladas con fitohemaglutinina. A relación de produción de IL-4/IFN-gamma (como aproximación ao balance Th2/Th1) encóntrase diminuída en alcohólicos respecto a controis sans, tanto entre suxeitos atópicos como non atópicos. 9. Os pacientes alcohólicos presentan niveis séricos baixos de sCD30 soluble en relación aos controis sans. Este descubrimento, xunto co anterior e coa elevación de IL-12 sérica, suxeriría un defecto de activación Th2 (predominio Th1) en pacientes alcohólicos. 10. A elevación de IgE sérica total en alcohólicos non se correlaciona de forma evidente coas alteracións inmunolóxicas mencionadas. A elevación de IgE sérica en alcohólicos ocorre a pesar dun teórico predominio de Th1 nestes pacientes. As alteracións no balance Th1/Th2, vistas deste modo simplista, non explican a elevación da IgE sérica asociada ao consumo de alcohol.

Director/a: Arturo González Quintela

Áreas: Ciencias da Saúde,Universidade de Santiago de Compostela